quinta-feira, maio 05, 2005

Excelente artigo promocional sobre Castelo Novo e Alpedrinha em Jornal Galego

GALICIA HOXE


in:
http://www.galicia-hoxe.com/periodico/20041205/Lecer/N49472.asp
Alpedrinha e Castelo Novo
Ó sur de Fundâo atopamos dúas poboacións, unha delas cualificada como Aldeia Histórica, en posesión de notables núcleos antigos. Entre as obras de maior envergadura cabe apunta-la restauración de dous monumentos emblemáticos: en Alpedrinha o maltreito Pa



Antón Pombo

Andamos hai tempo por Alpedrinha e Castelo Novo, fermosas vilas cheas de historia e daquela en fase de seren potenciadas e restauradas, pero aínda mergulladas no soño das glorias perdidas. Hoxe, cinco anos despois, ámbalas localidades están a renacer con numerosas iniciativas destinadas a potencia-la súa función como dous novos centros de turismo cultural, completando así a ampla oferta das Beiras neste campo.
Tanto por parte do Concello coma do programa das Aldeias Históricas, en ámbolos núcleos estanse a realizar grandes investimentos para mellora-los seus conxuntos históricos. Entre as obras de maior envergadura cabe apunta-la restauración de dous monumentos emblemáticos: en Alpedrinha o maltreito Paço Real, que probablemente acollerá un centro de arte contemporánea, e en Castelo Novo, coa obra xa rematada, os antigos Paços do Concelho.

Da romana Petratinia aínda restan tramos da vía romana que viña de Mérida e continuaba por Fundâo. A 560 m de altura e ó pé da GarduÊnha, a vila aparece rodeada de oliveiras e, pola bonanza climática dunha área protexida dos ventos fríos do norte, de grande cantidade de laranxeiras, outras froiteiras e hortas ben cultivadas. Por ter acadado unha certa relevancia comercial no século XVIII, entre os seus soares predominan os desta centuria, pertencendo á arquitectura popular un bo repertorio de vivendas con balconadas e patíns. A parroquia conta na actualidade cuns 1.200 habitantes.

A antiga Casa da Câmara acolle un pequeno museo Etnográfico con varias salas nas que se expoñen trebellos pertencentes ós oficios tradicionais da zona (zapateiro, ferreiro, panadeiro, agricultor) e unha serie de traxes rexionais entre os que chama a atención, pola súa modernidade, o vestido preto de noiva, tradicional na Beira. Diante do antigo concello non falta o preceptivo pelourinho, datado en 1675.

Moi preto deste conxunto aparece a igrexa matriz (séc. XVII), con fachada de dúas torres xemelgas rematadas con pináculos. No seu interior reúne ata sete retábulos, un órgano dezaoitesco e un minúsculo museo de arte sacra con imaxes como un Ecce Homo barroco. O principal monumento de Alpedrinha atopámolo no Chafariz Real ou de D. Joâo V. A primeira reacción lévanos a pensar que é moita fonte, co seu podio, escaleira de dobre rampa, remates, brasón rexio e seis bicas, para tan pequeno núcleo, pero foi nin máis nin menos que un capricho do rei, que en 1714, cando pasou por aquí, gustou tanto das augas salutíferas procedentes da serra que a mandou erguer tal e como a vemos hoxe.

No plano inmediatamente superior ó da fonte, compoñendo un peculiar conxunto dezaoitesco con ela, elévase o palácio do Picadéiro. Ende mal, o edificio está hoxe abandonado, e soamente conserva os muros, polo que é de agardar que canto antes se materialice o proxecto municipal que, cun millón de euros de orzamento, pretende recuperalo como centro de arte contemporánea.

Mesmo a rente do pazo prolóngase a vía romana arriba citada, que continúa ata Fundâo pola serra e maila aldea de Alcongosta. En bastante bo estado de conservación, e con tramos enlousados, pode percorrerse a pé nun paseo de 2,30 a 3 horas.

No patio da casa da Misericórdia, que ten vistosa igrexa barroca precedida de escalinata, rodeada por varios sartegos aparece a capela do Leâo (séc. XVI), desde o punto de vista arquitectónico máis interesante cá propia matriz. A portada renacentista introdúcenos na única nave, hoxe orfa do seu maior tesouro: a serie de pinturas en táboa, do mesmo tempo da igrexa, que foron roubadas hai anos. Próxima á capela localízase a fonte do Leâo que lle deu nome.

Completan o patrimonio urbano outra fonte, a da Fome, casaróns coma o do Cardel de Alpedrinha, o da Comenda ou o dos Pancas, e varias capelas (S. Sebastiâo, Menino Deus, Espírito Santo, Sta. Catarina, Senhora da Oliveira e Sto. António). Ademais dos espazos museolóxicos citados, hai pouco púxose en marcha outro dedicado ós embutidos tradicionais da terra.

O pobo aparece situado nas encostas e ó pé dunha penedía na que abrollan os mananciais de Alardo, unha das augas máis apreciadas e consumidas do país. Do mesmo xeito que Alpedrinha, Castelo Novo está a recibir importantes fondos para recupera-lo seu patrimonio, algo que xa se percibe na rehabilitación de vivendas ou na creación dun acceso ata as ruínas do castelo, nas que se instalará un corpo cúbico cunha oficina de información. Outra iniciativa pretende mellora-las cubertas, proporcionando homoxeneidade ó conxunto co emprego da tella árabe; está tamén prevista a restauración da igrexa matriz. A condición de Aldeia Histórica desde a primeira fornada —as dez elixidas que constituíron o programa piloto nas Beiras—, favorece a chegada de fondos da UE. A parroquia, de pouca extensión, ten 380 habitantes.

A antiga localidade de Alpreada recibiu carta de foro en 1202, acadando maior relevancia co establecemento no lugar dunha encomenda templaria, coa suposición de que contarían cun mosteiro aínda non localizado. A posesión pasaría máis tarde á orde do Cristo, vinculada coa monarquía.
Para captarmos unha primeira panorámica do conxunto, tendo ademais en consideración que a costa non é nada esixente, cómpre achegarse ata ás ruínas do castelo. Da fortaleza, plantada no cumio dun morro granítico en tempo de D. Sancho I (1212), apenas restan a torre de homenaxe (séc. XIV), convertida en campanario, un torreón e algúns lenzos da muralla nos que se resgan dúas portas oxivais. Por calquera das ruelas enlousadas, de aspecto plenamente medieval, descendemos de novo ó centro.
No corazón desta vila petrificada e granítica batemos coa antiga Casa da Câmara. Dita dos tempos de D. Dinis, no centro da súa fachada foi provista dunha torre cadrada de campás, símbolo do poder municipal, do século XVI, constando dun brasón manuelino coa esfera armilar e a cruz do Cristo. Cando o 'auguista' D. Joâo V, que parecía ter predilección polos mananciais da zona, visitou Castelo Novo, tomou a mesma iniciativa que en Alpedrinha e mandou levantar unha fonte, ben significada cos seus emblemas, acaroada á fachada do edificio. E aquí segue para solaz de nobres e plebeos.
Despois de botar unha ollada ó pelourinho, situado no centro da praça para conmemora-lo novo foral manuelino de 1510, dispómonos a descubri-los segredos da vila. Nalgún caso terán forma de casaróns e pazos, por exemplo o soar dos Gamboas, a casa Silvestre-Falcâo (1616), a Casa da Comenda (S. XVI), morada dos comendadores da orde do Cristo, ou a casa do Falcâo (séc. XVI), na subida ó castelo; outras forma de capelas, así as de S. Brás, Sta. Ana ou Sto. António; noutra farán alusión ás antigas prácticas xudiciais, tal é o caso do lugar da Forca, onde dúas caveiras gravadas nuncha rocha sinalan o punto onde esta se erguía en madeira para pendura-los condenados; e as máis das veces traerán á memoria as prácticas agrarias dos antigos moradores, sen irmos máis lonxe na lagariça ou estanque altomedieval arranxado sobre unha rocha granítica para pisa-la uva, que queda situado nunha praza rodeada por casas antigas, de aparello irregular, que parecen fundidas coa pedra.
A visita de Castelo Novo pode concluír, e máis aínda se o tempo é soleado, no parque forestal de Alardo. Acolle o célebre manancial das augas minerais engarrafadas, unha área de lecer e un bar-restaurante con terraza. Deixamos a semana pasada sen visitar, ó leste de Fundâo, a interesante parroquia de Capinha. Nela cómpre coñecer, en primeiro lugar, o encoro que leva o seu nome. Ben sinalado desde a estrada, o desvío remata ós 1.400 m diante do lago artificial, que foi dotado de embarcadoiros e se atopa rodeado de lamigueiros.

Augas abaixo sorprende o bosque pechado de ribeira no que tamén se mesturan os piñeiros. Da banda contraria do dique, que se pode cruzar a pé, remata o asfalto e existe unha área de lecer co seu circuíto de mantemento. Na aldea álzase un soar nobre, e unha casa rústica acolle a xeitosa Casa de Leitura (biblioteca). A actual ponte de pedra puido substituír outra romana.
De regreso ó punto de partida, algo máis ó sur queda Alcaide, con cinco capelas e igrexa matriz que incorporou a porta románica da primitiva. Xa moi preto de Fundâo, en Donas podemos botar unha ollada á casa manuelina (Paço das Donas), que amosa brasón e dúas portadas desta época ás que se accede por un curioso patín, e maila fermosa capela das Pancas, todo iso a carón do seu templo parroquial.




Axenda práctica



Rexión: Beira Baixa.
Distrito: Castelo Branco.
Concello: Fundâo.
Distancias: Seguindo a N-18 camiño de Castelo Branco, Alpedrinha atópase situada 12 km ó SE. de Fundâo, e Castelo Novo, cun pequeno desvío á dereita desde a mesma vía, 17 km ó sur. Castelo Branco dista 36 km de Castelo Novo e 39 km de Alpedrinha.

INFORMACIÓN
Posto de Turismo de Castelo Novo. Largo da Bica, telf. 275 561 501.

ALOXAMENTO
Alpedrinha
Casa do Barreiro-TH. Largo das Escolas, 5; telf. 275 567 120. Casa de principios do século XX, en pleno centro da vila, co seu xardín valado e palmeiras.
Oferta cinco cuartos con mobiliario indoportugués e moitas pezas decorativas antigas, sen que falten os requintados doseis, estilo dona María, sobre as camas.
Pensâo Clara. Quinta das Cereijeiras, telf. 275 567 391. A opción máis económica nun moderno edificio. Cuartos con baño. Restaurante.
Castelo Novo
Quinta do Ouriço-TH. Rúa da Bica, telf. 275 567 236.
Con sete cuartos instalados nunha casa patrucial, precedida dun amplo patio, do século XVII.
Os cuartos foron instalados nunha parte restaurada do pazo con vistas á localidade, decorada con mobles antigos eun estilo sobrio. Xardín arborado con piscina e pista de tenis.
Casa de Castelo Novo-TR. Rúa Nossa Senhora das Graças, 7.

RESTAURANTES
Alpedrinha
Papo D'Anjo. Quinta do Anjo da Guarda, N 18; telf. 275 567 126. Conta coa Residencial Anjo da Guarda.
Cerejal. Vále Clérigos, N 18; telf. 275 567 140.
Sintra da Beira. Tamén con pensión.
Castelo Novo
Podemos consumir algo, sen grandes pretensións, nos bares e snacks Gran Café (rúa da Gardunha, 32; telf. 275 567 040), O Lagarto (largo D. Manuel I, 1; telf. 275 567 406) e Mira Serra (Cruzamento de Castelo Novo, N 18; telf. 275 567 105).

COMPRAS
Castelo Novo
Carqueja e Rosmaninho.

Sem comentários: